Arranca en Galicia Solidarios cos maiores

O Sporting Club Casino da Coruña acolleu, o pasado 31 de xaneiro, a presentación do proxecto Solidarios cos maiores. É unha iniciativa, segundo explicou a xornalista Chus Castro, consistente en realizar e difundir vídeos de curta duración para «poñer sobre a mesa os problemas que afectan os maiores. Queremos facer algo para axudar na vida diaria das persoas maiores».

O colectivo Solidarios cos maiores é un grupo de profesionais da comunicación que quere colaborar co que vai camiño de converterse, se non o é xa, no grupo social máis numeroso: as persoas maiores. En 2021, A Coruña rexistrou o maior número de persoas maiores de 64 anos da historia con máis de 61.000 persoas. Isto representou un crecemento do 53% entre 1998 e 2021.

O equipo inicial de Solidarios cos maiores está formado por Chus Castro, Amalia Baltar, Bea Soler, Sabela Romar, Lucía Aller, Javier e Manolo Rodríguez. Sabela Romar explicou que a iniciativa naceu de Chus Castro e trátase de «facer algo por unha banda da sociedade cada vez máis vulnerable» como son os maiores. Moitos deles necesitan algún tipo de apoio no seu día a día para as cuestións máis elementais, desde ir a un banco ata concertar unha cita co médico, pasando por outras máis complexas como acceder a unha residencia e tamén máis sinxelas como programar unha plataforma de televisión.

A estas dificultades súmase a soidade: na Coruña máis de 32.000 persoas viven soas. Outro desafío. Amalia Baltar destacou na presentación que a poboación galega maior de 65 anos é xa do 26,1%, superando as 702.000 persoas.

O colectivo Solidarios cos maiores publicará en diversas plataformas (centros cívicos, asociacións, medios de comunicación…) unha serie de vídeos curtos, duns tres minutos de duración, nos que se recollen testemuños das dificultades ás que se enfrontan as persoas maiores e as respostas dos profesionais expertos neses temas que dan información e posibles solucións.

Na presentación mostrouse o primeiro dos vídeos sobre o testamento vital. Chus Castro salientou que hai moitas preguntas e están abertos a suxestións que poden enviar ao correo solidarias2022@gmail.com

FONTE: Senior50